Rosales, próximo obxectivo de Coruña Corre

May 13, 2022

A cuarta proba da tempada realizarase o 22 de maio nun circuíto de case seis quilómetros e medio con boa parte do percorrido polo paseo marítimo.

Correr "co Atlántico aos teus pés" é o lema que acompaña este ano as tres grandes probas do atletismo coruñés (Coruña10, Coruña21 e Coruña42), pero tamén representa a cuarta etapa do Circuíto Coruña Corre: a carreira popular dos Rosales.

Dos case seis quilómetros e medio de percorrido por este barrio coruñés, máis de dous transcorren polo Paseo Marítimo entre a contorna do Millennium e O Portiño, que volve ser testemuña doutra proba de Coruña Corre despois de contemplar, un pouco máis lonxe, os e as deportistas que participaron o pasado domingo na Baixada de San Pedro de Visma ao seu paso polo Parque de Bens.

Neste caso, as persoas participantes partirán da contorna da praza Elíptica dos Rosales á que lle darán a volta, baixarán ata a intersección coa rolda de Outeiro, dirixiranse ao Paseo Marítimo, divisarán, a uns metros, o Millennium, que quedará á súa dereita, e poñerán rumbo, pola costa, ata O Portiño. Desde alí, subirán cara á estrada dos Fortes regresarán aos Rosales pola rúa Rodríguez Castelao antes de encarar por Manuel Azaña a parte final do percorrido.

Para quen participe na proba sub-18 e sub-16, o circuíto redúcese a case 2,5 quilómetros sen saír dos Rosales; en sub-14, será de algo máis de 1,2 quilómetros; para sub-12 e sub-10, arredor de 620 metros, e para as/os peques, 155 metros.

Podes consultar todos os percorridos nesta ligazón:

PERCORRIDOS - Circuíto Carreira Popular Os Rosales 2022

O prazo para inscribirse nesta cuarta entrega de Coruña Corre conclúe o domingo 15 de maio ás 23.59 horas.