Álvaro Presedo e Nerea Sánchez, líderes do Circuíto Coruña Corre

May 13, 2022

 O atleta sobe dúas posicións tras a súa vitoria en San Pedro de Visma e Nerea Sánchez conserva a primeira praza da categoría feminina co seu primeiro triunfo na presente edición de Coruña Corre.

Álvaro Presedo escalou dúas posicións na clasificación xeral de Coruña Corre e arrebatou, aínda que cos mesmos puntos, o liderado a Álvaro Marín despois de anotarse a terceira etapa do circuíto, a Baixada de San Pedro de Visma, onde Nerea Sánchez consolidou o seu primeiro posto na categoría feminina.

O atleta do Club Marineda Atlético chegou a dous puntos de Álvaro Marín ao cros de Visma, onde cruzou a meta en primeiro lugar, por diante de Abdelaziz Fatihi.

Ese resultado, unido á ausencia do que ía líder, permitiulle igualarlle en puntos e situarse no primeiro posto de maneira provisional con tres probas disputadas. Fatihi completa o podio a só un punto.

En Visma anotouse a primeira vitoria esta tempada Nerea Sánchez, que leva 71 puntos e reforza o seu liderado. Fora cuarta en Matogrande, terceira na Torre e continuou a súa evolución na proba que se celebrou o pasado domingo. A 12 puntos está Uxía Rodríguez, que só disputou unha carreira, e a 28, Nati García.

Running Oleiros 1 segue á fronte da categoría Mixto Adultos con tres puntos, a metade que os que sumou Showrunners CAS e seis menos que CompisCas 6*.

En familias, os Soto Viñas e Gontán Castro, ambas as cunha proba disputada e un punto, sitúanse nas primeiras posicións. Os González Fernández van terceiros con dous puntos tras participar noutros tantos eventos.

Jorge Vázquez, que conta con tres probas disputadas, e Ainoa Gontán, que leva dous, encabezan a categoría sub-18; Berket López e Inés López destacan á fronte da sub-16; Adrián Paz e Alba Morais lideran a sub-14; Hugo Oubel e Martina Bermúdez, a sub-12 e Hugo Cordal e Paula Morais, a sub-10.

Todas as clasificacións de Coruña Corre telas á túa disposición en https://corunacorre.com/es/web/resultado/. O circuíto retomarase o 22 de maio coa carreira de Rosales, á que podes inscribirche ata o domingo 15 ás 23:59 horas.