A data límite de inscrición para a carreira do próximo sábado é este domingo ás 23.59 horas

Mar 11, 2023

Máis de 1.300 corredores xa están inscritos na primeira proba do circuíto Coruña Corre

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe a décima edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre.

A primeira das probas será a Carreira Popular Torre de Hércules 'Trofeo José Antonio Varela Calviño', o vindeiro sábado 18 de marzo ás 20.00 horas. A rexedora confirmou que xa hai máis de 1.300 deportistas inscritos nesta cita. 

O prazo límite para a inscrición na carreira será o domingo ás 23.59 horas. A inscrición na andaina solidaria continuará aberta para todas aquelas persoas que queiran facer as súas achegas, participen ou non. Nesta edición o recadado irá destinado á Cruz Vermella da Coruña e o seu programa 'Apoderamento de mulleres en dificultade social', dentro das medidas e actos postos en marcha con motivo do 8M. Todas as persoas que participen nela lucirán o dorsal 261 en homenaxe a Kathrine Switzer, a primeira muller que correu un maratón. 

"Continuamos amosando o noso apoio ao deporte coruñés e aos corredores e corredoras da nosa cidade, como xa fixemos coa celebración da C21, sumándolle unha proba 5K que serviu de prólogo para este circuíto", sinalou Inés Rey durante a presentación, que tivo lugar no Palacio dos Deportes.

Nesta décima edición manteranse as sete probas do circuíto, que se desenvolverán entre os meses de marzo e novembro en diferentes barrios da cidade. A inscrición a todo o circuíto pódese facer, do mesmo xeito que para a primeira proba, a través da páxina web de Coruña Corre por un prezo de 12 euros. As persoas participantes na C21 e na 5K terán un 50 % de desconto.

A alcaldesa animou a cidadanía, sexa cal for a súa idade, a participar nas diferentes probas, dunha dificultade moderada todas elas para fomentar o deporte. "Queremos que esta décima edición do circuíto sexa unha gran festa e bater o récord de participantes", sinalou Inés Rey.

XI Carreira Popular Torre de Hércules

A rexedora explicou como será o percorrido desta carreira popular do sábado 18 de marzo. As persoas participantes partirán do paseo dos Menhires en dirección a Durmideiras, desde onde percorrerán o Paseo Marítimo ata a Domus. A volta será polo mesmo camiño e a meta estará situada aos pés da Torre de Hércules. Por outra banda, a andaina tamén partirá do paseo dos Menhires en dirección ao Paseo Marítimo, irá ata a Domus e regresará por Durmideiras ao mesmo punto de saída.

A cota de inscrición será de 3 euros máis 2 euros polo chip refugable. Haberá unha cota especial para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove de 2 euros polo dorsal e 1 euro polo chip. Nesta primeira proba, como é habitual, ademais da categoría absoluta haberá categorías inferiores, que se disputarán a partir das 17.00 horas. Todas as persoas participantes recibirán unha bolsa conmemorativa.

Os dorsais da carreira, da andaina e do circuíto recolleranse o venres 17 de marzo de 17.00 a 21.30 horas e o sábado 18 de marzo, día da proba, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo da carreira que corresponda.

Datas do circuíto Coruña Corre

  • XI Carreira Popular Torre de Hércules: 18 de marzo
  • XV Baixada Popular de Cross de San Pedro de Visma: 7 de maio
  • XI Carreira Popular Os Rosales: 21 de maio
  • VII Carreira Popular Matogrande: 25 de xuño
  • XI Carreira Popular Volta a Oza: 10 de setembro
  • VIII Carreira Popular Ventorrillo: 22 de outubro
  • XI Carreira Popular Novo Mesoiro: 26 de novembro