Volve o circuito Coruña Corre

Dec 30, 2021

Segundo a concelleira de deportes,  Mónica Martínez, Coruña Corre pretende fomentar o deporte coa axuda dos barrios, asociacións veciñais e clubs de atletismo da cidade. "Coruña Corre é una ambiciosa iniciativa, unha aposta polo deporte, polos barrios e pola unión interxeracional. De feito, a familia continuará a ser un dos fíos condutores deste proxecto, xa que un dos obxectivos é que os membros dunha mesma unidade familiar acudan xuntos a cada cita e aparezan nunha clasificación deseñada para eles. Que ninguén quede na casa os días das probas", explicou a concelleira.

 

A categoría familiar diferenciou ao Coruña Corre desde o seu nacemento do resto de circuítos que se organizan noutras cidades galegas. "Este ano decidimos que volvan participar os máis cativos, pero non poñemos límites de idade para a categoría de Peques. Queremos crear hábitos deportivos entre a xente máis nova da casa, contando sempre coa colaboración dos avós e dos pais", dixo a concelleira.

 

Este ano levarase o Coruña Corre aos centros educativos para fomentar o deporte participativo especialmente nas idades máis sensibles en que a mocidade abandona a súa práctica. "Creamos unha categoría especial de equipos mixtos nas categorías sub16 e sub18. Polo mero feito de participar, sumarán puntos para o seu colexio. Haberá premios para o centro e para o alumnado. Queremos recuperar unha competición colexial na que todos e todas defendan as cores do seu colexio ou instituto", indicou a concelleira.

 

O Coruña Corre é un programa de sete probas que se celebrarán entre o 23 de xaneiro de 2022 e o 27 de novembro de 2022. A inscripción xa está aberta na web, corunacorre.com. "Nas vindeiras datas presentaremos a outra gran novidade desta edición, xa que estará dispoñible para a súa descarga a APP oficial do Coruña Corre". 

 

Os premios aos mellores de cada categoría entregaranse nunha gala de clausura en decembro de 2022.

 

Debido ás actuais condicións sanitarias, os criterios para a organización de cada carreira podrán verse modificados segundo as limitacións existentes no momento de realización de cada unha delas.

 

Máis información na web www.coruna.gal/carreraspopulares