Abr 19, 2022
A décimo cuarta edición da Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma, unha das probas máis esixentes do circuíto, celébrase o 8 de maio.
O 8 de maio, o Circuito Coruña Corre afronta unha das súas carreiras máis esixentes, que poñerá a proba ás persoas participantes (inscribíronse xa máis de 400 e aínda podes anotarche). É a décimo cuarta edición da Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma.
De baixada ten pouco. Xa o sabe quen se atreveu a afrontala no pasado. Principalmente, o nome e o retorno ao punto de saída. Antes, toca unha subida en toda regra. Entre a ida e a volta, 6.490 metros de percorrido na proba absoluta, con máis de 300 persoas apuntadas.
Os e as deportistas sub-18 e sub-16 afrontarán un percorrido intenso, pero máis curto, de 2.300 metros, para sub-14 será de 1.600 metros, o dobre de distancia que retará a quen se some á sub-12 e a sub-10 (800 metros), mentres que a categoría peques afrontará 110 metros.
A saída e a meta estarán no cruzamento das rúas San Pedro de Visma e Aguillón, nas inmediacións do Centro Cívico da parroquia herculina.
O prazo de inscrición mantense aberto ata o próximo 1 de maio.