Mil deportistas puideron co reto de Visma, aínda maior pola calor

Mai 10, 2022

Álvaro Presedo e  Nerea Sánchez impuxéronse na categoría absoluta.

Ao esixente reto da  Baixada Popular de San Pedro de Visma sumouse a calor. Baixo un sol radiante, máis de mil deportistas gozaron das vistas ao mar que baña O Portiño e da natureza do Parque de Bens na décimo terceira edición desta atractiva e complicada carreira do Circuíto Coruña Corre, ao que o sol relucente sumou unha calor esgotadora.

Os e as 'finishers' tiveron moito mérito polas circunstancias deste cross de San Pedro de Visma. En total, participaron 1.016 persoas: 559 na proba absoluta, 250 peques, 64 sub-10, 62 sub-12, 34 sub-14 e 47 sub-16 e sub-18.

Álvaro Presedo e Nerea Sánchez impuxéronse na categoría absoluta. O sol castigou, pero a satisfacción de completar o percorrido de pouco máis de seis quilómetros foi máxima e, tras cruzar a meta, esperáballes o avituallamento xentileza de Coca-Cola, Sanbrandan e Gadis para repoñer forzas.

Nesas condicións en Visma, Álvaro Presedo puxo a directa cara ao triunfo cun tempo de 22:14 e un ritmo de 3:26 por quilómetro. O deportista do Club Marineda Atlético mellorou en doce segundos o crono de Abdelaziz Fatihi, que asinou, co seu segundo posto, o terceiro podio noutras tantas carreiras da edición actual de Coruña Corre. José María Sánchez (23:00) foi bronce.

Nerea Sánchez, que chegou a Visma como líder do circuíto tras ser cuarta en Matogrande e terceira na proba Da Torre de Hércules, continuou a súa progresión e logrou a súa primeira vitoria na presente edición de Coruña Corre. 27:38 foi o seu tempo, case 20 segundos mellor que o de  Penélope Martínez (27:57). O podio completouno  Nati García (28:37).

Juan Cañizo (07:58) e Ainoa Gontán (08:35) impuxéronse en sub-18; Daniel Salgueiro (07:42, mellor tempo que a categoría sub-18) e Alba Pena (09:11), en sub-16; Adrián Paz (05:44) e Alba Morales (06:05), en sub-14; Hugo Oubel (02:52) e Martina Bermúdez (03:04), en sub-12 e Hugo Cordal (02:58) e Paula Morales (03:20) levaron a sub-10.

A seguinte proba do Circuíto Coruña Corre, nos Rosales, celebrarase o 22 de maio e o seu prazo de inscrición está aberto.