Preto de 1.600 persoas apúntanse a correr nos Rosales

Mai 16, 2022

O vindeiro domingo celébrase a cuarta entrega de Coruña Corre, ecuador do circuíto 2022.

 

O Circuíto Coruña Corre chega á súa cuarta proba do ano 2022, a que marca o ecuador da tempada, xusto antes da pausa estival. Por diante, a partir de setembro, quedarán outras tres.

A carreira celebrarase o vindeiro domingo, 22 de maio, e o prazo de inscrición pechouse con 1.576 persoas apuntadas.

Delas, 904 teñen previsto correr a absoluta, que abrirá a xornada ás 10:30 horas cun percorrido de case seis quilómetros e medio, con boa parte do mesmo polo Paseo Marítimo, entre a zona próxima ao Millenium e o Portiño.

Ás 11:35 están programadas as probas correspondentes ás categorías sub-18 e sub-16. Comparten un circuíto de practicamente dous quilómetros e medio polo barrio dos Rosales. Nelas participarán un total de 59 deportistas, 13 sub-18 e 46 sub-16.

Dous máis, 61, competirán na carreiras sub-14. A feminina comezará ás 11:50 e a masculina, ás 12:05, ambas as con 1,2 quilómetros de percorrido.

Máis dun centenar participarán nas probas sub-12. A saída darase ás 12:20 en mozas (45 inscritas) e ás 12:30 en mozos (60 inscritos). No seu caso, completarán 620 metros.

A mesma distancia afrontarán quen participe na categoría sub-10. Ás 12:40, sairán as 43 nenas que se apuntaron nesa distancia e ás 12:50, os 74 nenos.

Despois da absoluta, a categoría con máis persoas inscritas é a de Peques, cun total de 330. No seu caso, as carreiras comezarán ao redor das 13:00 horas.