Concilia nos Rosales coa ludoteca

Mai 18, 2022

O vindeiro domingo, 22 de maio, tes á túa disposición o servizo para compaxinar a vida deportiva e a familiar na cuarta proba do Circuito Coruña Corre.

O Concello da Coruña promove o deporte e a conciliación, que van da man no Circuito Coruña Corre. Por unha banda, facilítase a inscrición gratuíta de menores de 18 anos para fomentar a actividade física e loitar contra o sedentarismo desde idades temperás e, por outro, ofrécese a pais, nais e titores a opción de deixar aos nenos e as nenas na ludoteca en cada carreira.

O servizo de atención á infancia volverá estar dispoñible o vindeiro domingo, 22 de maio, na novena edición da carreira dos Rosales.

Das 1.576 persoas rexistradas, 330 teñen previsto participar na categoría de Peques, estas carreiras comezarán cara ás 13:00 horas.

Desde as 10:00 horas ata que empecen esas probas coas que se pon punto e final á xornada deportiva, poderás deixar aos/as peques na ludoteca, que estará situada no pavillón dos Rosales.

Este servizo, que debe solicitarse previamente, habilítase para os fillos e fillas de quen compite na proba, con independencia de se os/as menores corren ou non na súa categoría.

Quen acuda á ludoteca terán á súa disposición a persoas monitoras, tituladas en tempo libre. Garántese un cociente de 10 nenos/ as por cada persoa monitora.