Álvaro Presedo e Uxía Rodríguez chegan á pausa estival como líderes

Mai 27, 2022

O cuarto posto nos Rosales propiciou o cambio na clasificación do Circuito Coruña Corre na categoría feminina.

O Circuito Coruña Corre afrontará a súa pausa estival con Álvaro Presedo e Uxía Rodríguez á fronte da clasificación absoluta despois de catro probas disputadas, a última delas o pasado domingo nos Rosales.

Presedo escalara dúas posicións na xeral na anterior cita do circuíto, en San Pedro de Visma, onde se impuxo. Retivo o seu posto de privilexio na cuarta entrega, na que foi terceiro por detrás de Anxo Castro e Abdelaziz Fatihi.

O líder acumula tres puntos en catro probas, un menos que os que suman Fatihi, segundo clasificado, e Álvaro Marín, que participou en tres carreiras.
Si houbo cambio de líder na categoría feminina, agora con Uxía Rodríguez á fronte cun total de 164 puntos en dúas probas. Seis puntos sepáranlle da que chegou en primeira posición da xeral aos Rosales, Nerea Sánchez. O podio complétao Nati García.

Running Oleiros 1 encabeza a clasificación Mixto Adultos con tres puntos noutras tantas probas, tres menos que  Showrunners CAS e CompisCas 6*.
En familias, os Soto Viñas e os Gontán Castro acumulan un punto, aínda que os primeiros participaron en tres carreiras e os segundos, nunha. Terceiros marchan os González Fernández a só medio punto.

En canto ás carreiras de menores, lideran a sub-18, Ainoa Gontán e Jorge Vázquez; en sub-16, Inés López e Juan Bouzón; en sub-14, Alba Morais e Adrián Paz; en sub-12, Lucía Ageitos e Hugo Oubel e en sub-10, Hugo Cordal e Paula Morais.

O CEIP Ramón da Sagra domina a clasificación de centros educativos, co CEIP María Pita e o CPR Compañía de María no podio.