Coruña Corre avanza cara ao seu particular 'torneo clausura'

Set 01, 2022

Álvaro Presedo e Uxía Rodríguez lideran a categoría absoluta do circuíto, aínda que todas as clasificacións están moi abertas.

Despois do verán, chega o particular 'torneo clausura' de Coruña Corre, a segunda parte do circuíto de carreiras populares que percorre os barrios da Coruña.

Neste tramo da tempada decidiranse as clasificacións finais, que se presentan moi abertas. Álvaro Presedo e Uxía Rodríguez foron os máis regulares ata a pausa estival e están á fronte da clasificación absoluta despois de catro probas disputadas.

Con tres puntos en catro eventos, Presedo lidera a clasificación masculina, aínda que con só un punto de renda sobre Abdelaziz Fatihi e Álvaro Marín, que participou en tres carreiras.

Nos Rosales, última proba celebrada, Uxía Rodríguez fíxose co liderado da categoría feminina con seis puntos sobre Nerea Sánchez.

Ainoa Gontán e Jorge Vázquez encabezan a categoría sub-18, Inés López e Juan Bouzón, a sub-16; Alba Morais e Adrián Paz, a sub-14; Lucía Ageitos e Hugo Oubel, a sub-12, e Hugo Cordal e Paula Morais, a sub-10.

Running Oleiros 1 sitúase á fronte de Mixto Adultos, os Soto Viñas e os Gontán Castro comparten liderado en familias, aínda que os primeiros participaron en tres probas e os segundos, nunha, e o CEIP Ramón da Sagra comanda a clasificación de centros educativos.