Novo Mesoiro supera xa as 700 inscricións e haberá 'bonus track'

Nov 09, 2022

A última carreira válida para puntuar para Coruña Corre 2022 (haberá unha extra, dedicada ao CHUAC, en decembro) manterá aberto o prazo de inscrición ata o domingo 20 de novembro

A última carreira válida para puntuar para Coruña Corre 2022 celebrarase o próximo 27 de novembro no barrio de Novo Mesoiro e o prazo de inscrición xa está aberto.

Nos primeiros días, máis de 700 persoas apuntáronse para a proba que despedirá a tempada do circuíto que leva as carreiras populares aos barrios da cidade.

A metade das inscricións corresponden á categoría absoluta.

O prazo para anotarse á carreira de Novo Mesoiro estará aberto ata o domingo 20 de novembro ás 23.59 horas na web Carreira Popular de Novo Mesoiro.

Esta proba será a última apta para puntuar para Coruña Corre 2022, aínda que o circuíto de carreiras populares terá un 'bonus track', unha carreira con motivo do 50 aniversario do CHUAC que baixará o pano da tempada o próximo 18 de decembro.

A gala final de entrega de premios para as e os gañadores do circuíto celebrarase en xaneiro e será antesala de Coruña Corre 2023.