Novo Mesoiro, o circuíto máis curto que decidirá Coruña Corre

Nov 15, 2022

A última proba apta para puntuar do circuíto de carreiras populares da Coruña repite o trazado das anteriores edicións

Novo Mesoiro pechará o calendario de probas válidas para puntuar de Coruña Corre (haberá unha proba extra en decembro en homenaxe ao CHUAC) co circuíto máis curto da tempada, aínda que non exento de retos.

Sen variacións respecto das anteriores edicións, a proba absoluta alcanzará os 5.535 metros polo barrio, con saída e meta en Ancares, cunha volta pequena e unha volta grande por Novo Mesoiro, onde se decidirá o campionato.

Para sub-18 e sub-16, o circuíto será de 2.325 metros, os correspondentes á volta pequena, mentres que en sub-14, sub-12 e sub-10 utilizarase un trazado de 800 metros, ao que darán dúas voltas quen nacese en 2009 e 2010. A categoría peques percorrerá a recta de 150 metros na zona de meta.

Con máis de 1.300 persoas inscritas, preto de 600 apuntáronse á proba absoluta do 27 de novembro ás 10.00 horas.

Lembra que podes apuntarte a correr en Novo Mesoiro ata o domingo 20 de novembro ás 23.59 horas.