Álvaro Presedo e Uxía Rodríguez son de ouro en Coruña Corre 2022

Dec 05, 2022

Triunfaron na categoría absoluta, mais a listaxe de persoas gañadoras é máis ampla e podes consultalo neste artigo

As clasificacións de Coruña Corre 2022 -computan os cinco mellores resultados de cada deportista- pecháronse coa proba do pasado domingo en Novo Mesoiro, aínda que de maneira provisional, xa que está aberto o prazo para presentar reclamacións, que concluirá o venres.

En categoría absoluta masculina, Álvaro Presedo, que participou nas sete probas aptas para puntuar da tempada, impúxose con once puntos, dous menos que os que sumou Abdelaziz Fatihi en seis carreiras. O podio completouno Álvaro Marín con 15 puntos en cinco eventos.

Uxía Rodríguez dominou a absoluta feminina con 357 puntos acumulados en cinco carreiras. Nerea Sánchez colgouse a prata con 399 puntos e o bronce foi para Nati García Sánchez con 415, ambas as corredoras con sete carreiras.

Tamén en maiores, Alba Méndez e Antón Gómez dominaron a sub-23; Lucía Vázquez e Yago Ignacio García, a sub-20; Beatriz Muíño e Álvaro Presedo, a máster 1; Nati Sánchez e Carlos Iglesias, a máster 2; Rebeca Soto e Fernando Vázquez, a máster 3; Inés Papin e Pablo Lema, a máster 4; Purificación López e Jesús Álvarez, a máster 5; Silvia Sánchez e Saúl Gómez, a máster 6, e Sara Barreira e Jesús Vázquez, a máster 7.

Nas probas de menores, impuxéronse Ainoa Gontán e Juan Cañizo, en sub-18; Alba Pena e Juan Bouzón, en sub-16; Alba Morais e Pablo Vázquez, en sub-14; Lucía Ageitos e Hugo Oubel, en sub-12 e Sara Zuluaga e Hugo Cordal, en sub-10.

O circuíto mixto foi para o club Running Oleiros 1 con 21 puntos en cinco probas, con Showrunners CAS (38 puntos) e CompisCas 6* (45 puntos) no podio.

A familia Soto Viñas impúxose na tempada 2022 con 6,50 puntos en seis carreiras. A prata foi para os Zuluaga Díaz e o bronce, para os Gómez Sueiras.

En coles, o CEIP Ramón de la Sagra clasificouse en primeiro lugar con 99 puntos, co Compañía de María e o María Pita nos seguintes caixóns do podio.

Aínda que as probas válidas para puntuar de Coruña Corre 2022 xa finalizaron, por diante queda unha carreira extra, que non computa para as clasificacións anuais, a que conmemorará en decembro o 50 aniversario do CHUAC, coas inscricións aínda abertas.