Dec 13, 2022
A carreira que organiza o Club Deportivo Rialto coa colaboración do Concello da Coruña conta xa con preto de 2.400 persoas inscritas
A décimo terceira edición da San Silvestre Coruña, o próximo 31 de decembro, conta xa con preto de 2.400 persoas inscritas. Esta proba que organiza o Club Deportivo Rialto coa colaboración do Concello da Coruña xuntará, un ano máis, deporte, diversión e solidariedade.
Podes formalizar a túa inscrición ata o 26 de decembro ás 23.59 horas (ou ata que se esgoten os 4.500 dorsais da proba absoluta, 100 das probas infantís e 100 da marcha nórdica) na aplicación oficial da proba e na súa páxina web oficial. Ata o 21 de decembro, tamén están dispoñibles de maneira presencial en El Corte Inglés dentro do seu horario comercial.
Ata ese mesmo día, o dorsal-chip será personalizado e entre o 22 de decembro e o final do prazo, terá unha imaxe xenérica.
O custo da inscrición é de 12 euros na carreira absoluta (10 euros se dispoñen o chip en propiedade) e de 5 euros nas infantís.
As persoas maiores de 11 anos poden participar no percorrido absoluto (7.250 metros) a partir das 16.45 horas. A saída estará no Parrote, en sentido Obelisco, virarase por Juana de Vega e percorrerá e o paseo Marítimo ata a meta, de novo no Parrote.
O circuíto será de 1.000 metros para quen teña 9 e 10 anos (16.15 horas) e de 500 metros para a franxa de 7 e 8 anos (16.00 horas). Estas dúas probas de menores levaranse no Parrote.
Participar na San Silvestre é solidariedade porque a proba axuda a Cociña Económica con puntos de recollida de alimentos non perecedoiros, e tamén aos Reis Magos de verdade e outras asociacións que traballan pola inclusión e o desenvolvemento persoal e social de persoas con diversidade funcional e en risco de exclusión. Igualmente, dispón de dorsais solidarios de apoio a corredores que o necesiten.
Ademais das probas presenciais, tamén hai a posibilidade de participar de maneira virtual co reto do Camiño Inglés, a través da APP. Virtual ou presencial, a San Silvestre bríndache a oportunidade de despedir o ano con deporte, diversión e solidariedade.