Dec 19, 2022
A carreira que conmemora o 50 aniversario do CHUAC contará con aseos, duchas, gardarroupa, avituallamento e mesmo bus, entre outros
Todo está preparado para cerrar a tempada do circuíto de carreiras populares que organiza o Concello da Coruña, Coruña Corre, cunha cita moi especial, a que conmemora os 50 anos do CHUAC. O 'bonus track' contará cos servizos do resto de probas, unha ampla carta para que as persoas participantes se sintan cómodas e poidan centrarse só en facer deporte e gozar da actividade física.
Os dorsais (únicos para esta cita da tempada) e camisetas entregaranse o venres 16 de decembro das 17.00 ás 21.00 horas no Palacio dos Deportes de Riazor (acceso polo portalón que separa esta instalación do Frontón) e o sábado 17, nese mesmo escenario, das 11.00 ás 20.30 h. Tamén haberá dispoñibilidade, se non hai máis remedio, no espazo que se habilitará na cúpula do Parque de Eirís (zona de saída) entra as 8.45 e as 9.45 horas do domingo 18, día da carreira. No caso das probas de menores, o domingo 18 os dorsais e camisetas entregaranse na carpa que se habilitará no Parrote das 10.00 ás 12.45 horas (con antelación a cada unha das probas), aínda que se recomenda retirar o dorsal e a camiseta nos días previos.
Os aseos serán os propios do parque de Eirís, mentres que na zona de meta haberá baños portátiles. As duchas serán as do Palacio dos Deportes, das 11.00 ás 13.00 horas.
O servizo de gardarroupa estará dispoñible na cúpula do Parque de Eirís das 8.45 ás 9.45 horas, momento preciso no que se trasladará á zona de meta, no Parrote, ata as 13.00 horas.
Establecerase un punto de avituallamento na liña de meta para favorecer a hidratación das persoas participantes. Na carreira absoluta, a sub-18 e a sub-16 entregarase unha barriña enerxética de Gadis. Ademais, nesas probas e no resto, haberá un boliño xentileza de Sanbrandan. Igualmente, dispoñerase de auga e facilitarase un tícket para chocolate con churros.
Con esta proba que clausura Coruña Corre 2022 colaboran tamén a Fundación María José Jove, El Corte Inglés, Progasa e Corporación Hijos de Rivera.
Ademais, a Compañía de Tranvías poñerá gratuitamente dous buses que levarán de volta as persoas participantes a Eirís, con saída desde a parada de Porta Real ás 11.30 e ás 12.15 horas.