A C21 estrea compañeira de viaxe, unha 5K

Xan 30, 2023

Xunto ao medio maratón herculino desenvolverase unha proba de 5 quilómetros que servirá como prólogo do circuíto de carreiras populares e permitiralles ás persoas que participen nesa carreira vivir o ambiente de Coruña21

Coruña21 estrea este ano compañeira de viaxe, unha 5K que lle ofrecerá a quen participe nela vivir o ambiente do medio maratón e quentar os músculos para o calendario atlético da Coruña este 2023.

Esta nova proba de 5.000 metros que organizan o Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo o 12 de febreiro incorpórase ao amplo abano de carreiras populares da cidade como punto de partida ideal para o resto da tempada.

A 5K, que comezará ás 10.05 horas e sairá do Obelisco -como a C21-, está concibida para iniciarse nas carreiras nun circuíto totalmente plano, deixar atrás os excesos do Nadal, facer realidade os propósitos de ano novo ou prepararse para as seguintes carreiras.

Sexa cal for o teu motivo, podes formalizar a inscrición en www.carreirasgalegas.com . O prazo para facelo conclúe o domingo 5 de febreiro ás 23.59 horas e a cota é de 3 euros.

Será un anticipo de Coruña Corre 2023, que comezará coa espectacular Nocturna da Torre de Hércules o 18 de marzo. As dúas probas, a de 5 quilómetros e a da Torre, xunto a un adecuado plan de adestramento e a constancia, preparan o terreo para chegar en plena forma a Coruña10, a carreira con maior participación, que se realizará o 23 de abril.

Queres máis? Quen acepte o desafío da C21 ou a súa 5K beneficiaranse dun 50% de desconto á hora de inscribirse no Circuíto Coruña Corre 2023.

A carreira de 5.000 metros non será a única novidade da décimo quinta edición de Coruña21 xa que o medio maratón incluirá carreiras de menores para que tamén se poidan preparar para o Coruña Corre. Coa inscrición, os e as peques recibirán unha camiseta de agasallo para participar na proba que encherá de deportistas as rúas da cidade o 12 de febreiro.