Mar 20, 2023
Con motivo desta proba, celebrada en horario nocturno, a Torre de Hércules iluminouse de morado para conmemorar o Día Internacional da Muller
Máis de 1.600 persoas participaron este sábado na Carreira Popular Torre de Hércules e na andaina solidaria 'Pintamos e moito'. A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, foi a encargada de dar a saída desta proba, que dá comezo ao circuíto de carreiras populares Coruña Corre.
Con motivo desta proba, celebrada en horario nocturno, a Torre de Hércules iluminouse de morado para conmemorar o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, e a andaina solidaria 'Pintamos e moito', coa que o Concello quixo reivindicar o papel das mulleres no deporte. Nesta proba superáronse as 300 persoas participantes.
A xornada comezou ás 17.00 horas coa celebración das probas de categorías inferiores do paseo dos Menhires, en Durmideiras. Na categoría absoluta, que comezou ás 20.00 horas, participaron máis de 800 persoas. As cifras de participantes en todas as probas, sen contar a andaina solidaria, foi de máis de 1.300 persoas.