Abr 08, 2023
O 7 de maio o circuíto de carreiras populares Coruña Corre afronta unha das súas carreiras máis esixentes, que poñerá a proba ás persoas participantes. Trátase da XIV Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma, cuxo prazo de inscrición xa está aberto.
O percorrido, de 6.490 metros de lonxitude na proba absoluta, ten a saída e a meta situadas no cruzamento das rúas San Pedro de Visma e Aguillón, nas inmediacións do centro cívico da parroquia coruñesa. Os e as deportistas sub-18 e sub-16 afrontarán un percorrido intenso, pero máis curto, de 2.300 metros, para sub-14 será de 1.600 metros, o dobre de distancia que retará a quen se sume á sub-12 e a sub-10 (800 metros), mentres que a categoría 'peques' afrontará 110 metros.
A segunda carreira do Circuito de Carreiras Populares, a XIV Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma, terá lugar o vindeiro domingo 7 de maio. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o domingo 30 de abril ás 23.59 horas. A cota de inscrición será de 3 euros máis 2 euros polo chip refugable. Haberá unha cota especial para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove de 2 euros polo dorsal e 1 euro polo chip.
Por outra banda, as persoas que queiran inscribirse no circuíto completo de Coruña Corre poderán facelo tamén a través da páxina web. Este tipo de inscrición xera automaticamente a inscrición en cada unha das probas, sen necesidade de confirmar a participación de maneira individual. O custo é de 12 euros. As persoas participantes utilizarán o mesmo dorsal e chip para todo o circuíto. No momento da inscrición, os participantes na C21 e na 5K do pasado 12 de febreiro deberán indicalo para que se lles devolva o 50 % do prezo do circuíto, unha vez comprobados os datos.