Xan 30, 2024
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a gala do circuíto Coruña Corre 2023, realizada esta tarde no Centro Sociocultural Ágora coa presenza de moitos dos e das participantes na décima edición. Este evento serviu para premiar os e as mellores deportistas de cada categoría e nel anunciáronse as novidades da seguinte edición, que comezará o 23 de marzo, nunha carreira que homenaxeará á Torre de Hércules no 15 aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
O acto, que estivo conducido por Xalo Maira e Marita Martínez, desvelou que o barrio de Xuxán quedará integrado na Carreira Popular de Matogrande, co que se cumpre a promesa feita pola propia alcaldesa na anterior gala. "Contaremos cun trazado que estreará as rúas do noso barrio máis novo para actividades deportivas de máxima participación", indicou a rexedora. Rey fixo fincapé na importancia dos barrios neste tipo de probas de carácter popular: "A Coruña non se entende sen deporte e sen Coruña Corre. Cada barrio e as súas asociacións veciñais implícanse ao 100% coa realización da súa proba e cada carreira é diferente á anterior", indicou. Durante a súa intervención, Inés Rey explicou que a incorporación de Xuxán ao circuíto non será a única novidade desta edición. "Na primeira proba, a da Torre de Hércules, haberá sorpresas, ao ser este 2024 o 15 aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade da UNESCO", indicou.
Nas categorías absolutas feminina e masculina os tres primeiros premios foron, respectivamente, para Nati García, Melanie Mariño e Rebeca Soto; e Álvaro Presedo, Abdelaziz Fatihi e Rubén Liñares. A gala estivo amenizada coa música de Ayman e a actuación do Mago Rafa. Polo escenario pasaron os mellores clasificados e clasificadas das diferentes categorías, ata case 100 persoas, equipos e colectivos.
Inés Rey agradeceu o papel fundamental que levan a cabo os clubs de atletismo coruñeses no fomento deste deporte e da participación nestas probas e celebrou o incremento nun 26% de persoas inscritas no 2023 con respecto á anterior edición, pasando de 12.000 a máis de 15.000 persoas. "É un dato moi significativo, pois amosa que as carreiras populares están máis vivas que nunca na Coruña, xa que somos o único circuíto de Galicia que medra en participación", indicou.
A rexedora animou ás persoas asistentes a participar tamén no Medio Maratón C21 ou na 5K que se realizarán o domingo 25 de febreiro. "Será un bo punto de partida para un ano cheo de carreiras populares e de bos momentos", indicou. A C21 conta xa con máis de mil persoas inscritas. A inscrición no XI Circuíto Coruña Corre abrirase nas vindeiras semanas. "As carreiras populares na Coruña son singulares non só polas súas cifras de participación, senón tamén polo que supoñen para os diferentes barrios que percorren", dixo Rey para pechar a súa intervención.
Calendario XI Coruña Corre