Nov 28, 2024
A Coruña, 28 de novembro de 2024.- O Concello da Coruña reabre hoxe o período de inscrición para a Carreira Popular de Novo Mesoiro, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de decembro tras o aprazamento do pasado domingo 24 de novembro por mor da alerta meteorolóxica. As persoas interesadas en participar poderán facelo anotándose a través da páxina web www.corunacorre.com.
Ademais, as persoas que se inscribiran nun primeiro momento na proba e non poidan asistir o 15 de decembro, poderán tamén solicitar a devolución do importe correspondente a esta carreira a través da mesma páxina web. “A nosa intención é facilitar ao máximo ás persoas usuarias deste circuíto de carreiras populares que poidan participar en decembro e que haxa un gran peche do ano”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. O Goberno de Inés Rey continúa dinamizando a actividade deportiva nos barrios cun circuíto de carreiras populares único en Galicia e de gran repercusión entre a cidadanía.
O novo prazo, tanto de inscrición como de devolucións, estará aberto ata o domingo 8 de decembro. Para a proba de Novo Mesoiro están previstos diversos percorridos tanto para as e os participantes na categoría absoluta como para as persoas inscritas en categorías inferiores (sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques).
No caso da categoría absoluta está previsto un trazado de 5,5 quilómetros, case na súa totalidade sobre asfalto, con saída ás 10.00 horas desde a contorna do polideportivo municipal de Novo Mesoiro, na rúa dos Ancares. O percorrido seguirá, xa a continuación, ao longo da avenida de Novo Mesoiro, as rúas Fragas do Eume e Ribeira Sacra, para enfilar posteriormente polas sendas peonís lindeiras á rúa Illa de Sálvora e volta ás inmediacións do pavillón do barrio. As saídas correspondentes ás categorías inferiores sucederanse de
forma progresiva tras a entrega de premios ás e aos competidores na proba absoluta, que terá lugar ás 11.00 horas.
Cómpre lembrar que o Concello habilitará un servizo de gardarroupa nunha carpa habilitada na zona de saída e de meta de 9.30 a 11.30 horas. Ademais, as persoas participantes na proba disporán de auga e avituallamento sólido na súa chegada á meta.